Friday 17 de May de 2024

Cultura e Educación convoca nove novas prazas en proxectos de investigación do Ramón Piñeiro


A Secretaría Xeral de Política Lingüística reforza así a liña de traballo en investigación lingüística sobre o galego que desenvolve desde o seu centro adscrito

O Diario Oficial de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a ORDE do 4 de xuño de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e se procede á súa convocatoria. Con ela, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, reforza a liña de traballo en investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia en proxectos desenvolvidos desde o seu centro adscrito.

O obxectivo é avanzar no coñecemento, normalización e promoción do galego, así como no fomento do seu uso en todos os eidos profesionais, académicos e sociais e, á vez, facilitar a especialización na formación académica dos titulados universitarios que poderán acceder a estes postos. Os detalles da orde poden consultarse no seguinte enderezo: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160622/AnuncioG0164-090616-0009_gl.html.

Formación específica dirixida a novos titulados universitarios
A convocatoria vai dirixida a titulados universitarios en Filoloxía e área de Humanidades, con diferentes requirimentos en función de cada un dos proxectos, que poderán consultarse na convocatoria das mesmas. En concreto, os proxectos incluídos nesta convocatoria son os de ‘Bibliografía da literatura galega’, ‘Fraseoloxía Galega’, ‘Corpus de referencia do galego actual’, ‘Cantigas de Santa María’, ‘Prosa literaria medieval’, ‘Terminoloxía Científico-Técnica’, ‘Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala’, ‘Base de datos do ALIR’ e o proxecto ‘Dicionarios de literatura’.

As bolsas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Para a selección dos bolseiros terase en conta o expediente académico e a realización de cursos, mestrados de investigación e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados co obxecto das bolsas; as publicacións, as comunicacións en congresos e mais a realización dunha entrevista persoal. Nesta entrevista valorarase o coñecemento do poroxecto de investigación concreto e daqueles medios instrumentais necesarios para o que presenta a solicitude, a motivación e a iniciativa.

O prazo de solicitude está aberto desde hoxe e ata o vindeiro 22 de xullo. Toda a información está dispoñible no Portal da Lingua Galega e tamén na Guía de Procedementos da Xunta de Galicia.